Friday 17 de May de 2024

A Aula CeMit de Brión acolle este venres unha videoconferencia para que as entidades deportivas do municipio aprendan as novas formas telemáticas de relacionarse coa Xunta


Case 8.500 clubs deben adaptarse á Lei do Deporte de Galicia antes do 18 de febreiro e empregar so a Sede Electrónica da Xunta

A Aula CeMit de Brión acollerá o próximo venres 9 de febreiro, ás 12:00 horas, unha xornada dirixida ás entidades deportivas do municipio e que ten como obxectivo que coñezan as pautas básicas para manexar a sede electrónica da Xunta e cumprir así coa Lei do Deporte de Galicia. A xornada, denominada “Faite dixit@l e tramita nun clic: Rexistro de Entidades Deportivas”, será impartida por videoconferencia e a participación é totalmente de balde.

Durante a xornada, dous representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Secretaría Xeral para o Deporte ofrecerán as pautas necesarias para que os asistentes aprendan a manexar a Sede Electrónica da Xunta e saiban empregar os diversos mecanismos de identificación e sinatura admitidos. Unha cuestión fundamental xa que as máis de 8.500 entidades deportivas de Galicia teñen ata o 18 de febreiro para actualizar as súas respectivas inscricións no Rexistro de Entidades Deportivas, tal e como obriga a Lei do Deporte de Galicia.

A xornada, de carácter eminentemente práctico, terá unha duración aproximada de unha hora e media. Os clubs de Brión interesados en participar poderán inscribirse a través da web da Aula CeMIT de Brión (https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/23918). Hai vinte prazas dispoñibles.